8/10/07

Estamos seguros?

Ponse en marcha este blog para que sirva de apoio ás clases de Iniciación ás novas tecnoloxías que se imparten no IES Pintor Colmeiro (Silleda). Nin máis nin menos. O tempo dirá se foi un instrumento útil ou se quedou, como tantos proxectos que un empeza, nunha idea simpática que non dou moito de si.
O tema que elixo para empezar é o da seguridade informática. Cando damos os primeiros pasos co ordenador, non é a seguridade a nosa preocupación esencial. Evidentemente, o que nos urxe nese momento é adquirir certas competencias que nos permitan manexar a máquina. Agora ben, cando un ve que xa "fai cousas" co ordenador dun xeito máis ou menos autónomo é cando debe cuestionarse o asunto da seguridade dos datos cos que traballa.
Imos centrar a cuestión en varios aspectos:

1. O correo electrónico.
Todos os meus alumnos e alumnas dispoñen de correo electrónico. É lóxico que así sexa, pois o correo é de balde e resulta moi útil para manter a comunicación. Agora ben, os riscos en materia de seguridade informática son elevadísimos. Imos intentar ver algúns dos máis elementais:
-Saír da páxina do correo adecuadamente. Non se debe pechar a páxina sen máis, senón buscar a opción habilitada especificamente para abandonar o correo, que soe estar á vista.
-Ollo cos contrasinais. Por pouco privado que sexa o noso correo, non deixa de ser privado. A única garantía de que así sexa é que o contrasinal empregado sexa secreto. Descarta, por suposto, contrasinais como data de nacemento, matrícula ou número de teléfono, que é por donde se mira primeiro. Nin se che ocurra usar o nome dun ser querido ou o teu apodo, porque non tardarán en dar con el. Do PIN da tarxeta bancaaia, mellor nin falar...! O mellor é usar un contrasinal diferente a calquera outro que xa teñamos, nada fácil de adiviñar, e asegurarnos de que se mantén en secreto. No caso de dúbida, non esquezas que todos os operadores que ofrecen correo electrónico dispoñen dunha opción para o cambio da palabra secreta.
-Ten en conta que estás nun lugar público. Non quero asustarte, pero cando estás traballando nun ordenador público (por exemplo, nunha aula de informática) debes extremar as medidas de seguridade. Unha boa práctica consiste en escribir disimuladamente o contrasinal. Outra boa práctica é desconectar o correo se te vas ausentar un momento e tes algunha sospeita de que podes ser espiada/o. Unha boa noticia: os ordenadores das salas de informática do IES Pintor Colmeiro están preparados para que, tan pronto se apagan ou reinician, borren calquera trazo dunha navegación anterior.
Máis información: [aquí] [aquí] [aquí]


2. Os acceso aos documentos.
Se traballas con ordenadores de uso compartido (na empresa, nun ciber), seguro que hai documentos que non queres que sexan accesibles para outros usuarios. Nese caso non hai ningunha dúbida: eses documentos deben ser gardados nunha unidade de almacenamento externa (memoria USB, CD, DVD, disquete...).
Outra cousa é cando falamos do noso ordenador persoal. Poñamos un caso típico: temos un PC conectado a internet e non queremos que os fillos anden nel na nosa ausencia. Nese caso caben varias solucións, pero a miña favorita sigue sendo poñer un contrasinal de inicio que actúa xusto no momento do arranque. Aquí che explican como facelo.

3. Virus
Os virus supoñen unha permanente ameaza para a integridade dos nosos sistemas informáticos. Para manternos a salvo deles, é necesario contar cun programa antivirus actualizado e observar certas prácticas como as que se indican aquí.

Deberes
Os e as que xa dispoñedes de correo electrónico, empregade dez minutos do voso tempo para revisar o nivel de seguridade do voso contrasinal.